PROXECTO DIDÁCTICO





Baudrillard e a desaparición do real

A gran tese da segunda etapa do pensamento de Baudrillard foi precisamente a afirmación da desaparición do real baixo unha choiva de representacións, quedando finalmente só a posibilidade da simulación. Baudrillard fai unha crítica da sociedade occidental, mostrando como a cultura da imaxe de fin de século baleira de contido o universo e alonxa ao home da realidade "natural".



Baudrillard revisou o guión de The Matrix, pero negouse a participar na película, pois consideraba que o seu plantexamento trivializaba a crítica que pretendía facer sobre o universo virtual e os medios de comunicación na nosa sociedade.
Aínda así A triloxía dos irmáns Wachowski, ten o mérito de ter acercado as ideas deste gran filósofo e sociologo francés a un publico non especializado en filosofía.

Jean Baudrillard describeo con estas palabras:

A abstracción hoxe xa non é a do mapa, o dobre, o espello ou o concepto. A simulación non é xa a dun territorio, unha existencia referencial ou unha substancia. Trátase da xeración de modelos de algo real que non ten orixe nin realidade: un “hiperreal”. O territorio xa non precede ao mapa, nin o sobrevive. De aquí en diante, é o mapa o que precede ao territorio, é o mapa o que enxendra o territorio; e se reviviramos a fábula hoxe, serían as tiras de territorio as que lentamente podrecerían ao longo do mapa. É o real e non o mapa, cuxos escasos vestixios subsisten aquí e alí: nos desertos que non son xa máis do Imperio, senon nosos. O deserto do real en sí mesmo.” [+] (texto completo en inglés)

Na película Morfeo mostra a Neo, no constructor, o que é Matrix cunha televisión (en alusión á construcción da realidade a través dos medios de comunicación) é usando a frase final dese texto do filósofo Baudrillard: "Benvido ao deserto do real"

Tanto Matrix, como Matrix Reloaed, como Matrix Revolutions, xogan coa idea de "simulacro" e mostránse elas mesmas coma un simulacro máis. Pero é a primeira delas a que con máis intensidade o mostra. Os xestos de Neo cando pelexa son os xestos de Bruce Lee, as esceas de loita con armas son propias dun videoxogo e emulan as imaxes de unha película de animación (Ghost in the Shell)Unha historia dentro doutra historia, como espellos que se reflicten a si mesmos, reproducindose en círculos concentricos, da mesma forma que o fai a Matrix que o Arquitecto mostrará a Neo ao final da segunda cinta.

Simulacros y Simulaciones

A obra Simulacros e Simulacións está presente ao comezo da película no libro falso que Neo utiliza para gardar os seus programas piratas.



"¿Algunha vez tiveches un soño que semellara tan real que non o poideras distinguir da realidade? E se non puideras espertar dese soño ¿Como saberias que estas soñando?"

O soño é un simulacro da realidade. Un soño do que non se poidese espertar sería un simulacro sen referente: Un simulacro verdadeiro.

The Matrix


The Matrix proponos volver a reflexionar sobre o problema do real. Na película, a realidade virtual convertese na única realidade para a maioría escravizada da especie humana, que vive nunha simulación neural xerada por unha xeración de máquinas intelixentes creadas polos propios humanos. En Matrix propónsenos a hipótese dunha simulación da vida, dunha vida de ficción á que ninguén pode ser alleo, porque ninguén pode escapar a ela. É a humanidade a que está suxeita por esa recreación da que só algúns poden escapar. Esas persoas que coñecen a verdade buscan a forma de eliminar esa recreación da realidade e liberar a humanidade.

A película é unha metáfora, no mesmo sentido que o teñen sido o Mito da Caverna de Platón, A Vida é Soño de Calderón ou Alicia no País das Marabillas de Lewis Carroll, unha metáfora que tenta facernos reflexionar sobre a condición humana desde tres perspectivas:

A relación do ser humano coa tecnolóxia
O problema do real
A Liberdade do ser humano

Estas tres perspectivas producen unha visión do ser humano que se alonxa dos esencialismos, para mostrarnos o ser humano, tal como o comprendemos no século XXI

Elixir a pastilla vermella



Morfeo explicalle a Neo que é un escravo. A alusión ao mito da Caverna de Platón é patente desde este momento. Un escravo voluntario, pois non coñece a verdadeira realidade. A hipótese que manexa Platón no mito é precisamente esta. Os nosos sentido enganannos ao percibir o real e xeran os nosos prexuízos e a nosa visión do mundo. E sen embargo algunhas mentes decatánse de que, o mundo ten unhas regras que non podemos "ver" a través dos sentidos. A astila que Neo ten cravada na mente é unha dúbida: a dúbida sobre a realidade do que os seus sentidos lle mostran. Morfeo é un guía, porque o camiño cara o coñecemento pode ser guiado, pero ten que ser froito dunha decisión persoal, por iso Neo debe elixir entre a procura do coñecemento ou a crenza. O escravo Neo cree o que Matrix lle amosa. Os seres humanos que están suxeitos polos seus sentidos "creen" todo o que estes sentidos lle amosan. Neo elixirá a pastilla vermella e Morfeo ofrecelle a verdade. Tamén no mito platónico o escravo liberado ascende ao mundo verdadeiro. Do mesmo xeito os seres humanos deberán abandonar a crenza nos sentidos para procurar o verdadeiro coñecemento.

O mito da caverna




Morfeo ofrécelle a Neo a verdade. ¿Que a verdade? En grego significaba aquelo que se descubre, que xa non está oculto. en latín, a verdade ten que ver coa exactitude e o rigor no dicir. Para os hebreos, en cambio a palabra verdade ten que ver coa confianza. Ao longo da película pódense rastrear estes tres sentidos da palabra verdade. Do mesmo xeito que no argumento se mesturan nomes gregos (a nave Logos,), Hebreos (a cidade Sión) e recomendacións en latin (nosce te ipsum), na nosa cultura mesturanse as tres tradicións para dar lugar ao mundo tal e como o coñecemos hoxe. The Matrix comeza co sentido grego da palabra verdade: Morfeo vai mostrar a Neo aquelo que está oculto, e Neo ao final da primeira parte quere mostrar ao ser humano un mundo sen máquinas, o mundo da liberdade que quedaba oculto por Matrix.
A famosa alegoría da cavena de Platón é unha ilustración do difícil que é o camiño cara a verdade. A situación dos prisioneiros encadenados nunha caverna vendo só unhas sombras que confunden coa realidade. Os prisioneiros viven nunha ilusión da que é moi dificil desfacerse. Para comezar a buscar a verdade terían que renunciar a seguir mirando ese mundo de ilusión que é tamén o mundo da seguridade, do que comprendo sen ter que facer esforzo. A traizón de Cifra entregando a Morfeo representa claramente ao prisioneiro que non quere ser desencadenado.

A sociedade de consumo na que ivimos é o exemplo máis claro da ilusión que conforma a nosa vida cotidiana. A publicidade tenta convencernos de que podemos telo todo, que a felicidade conseguese a través da satisfacción dos desexos, cando en realidade eses desexos son postos en nos pola propia publicidade.

A metáfora que nos presenta Matrix tenta que nos preguntemos polo que é verdadeiro no mundo. Vivimos nun mundo de simulacros xerados pola publicidade, a sociedade de consumo,a ilusión de que se pode conseguir a felicidade, en suma un mundo irreal. Unha ilusión baseada nos nosos desexos e paixons, na parte sensible do ser humano. O camiño de Neo será tamén a tarefa de liberarse desas emocións, aínda que non na primeira parte da triloxía. Sen embargo esa liberación das emocións da subxectividade si que están presentes no mito da caverna platónica. Platón propónos que leamos a historia apliandolla á posibilidade do coñecemento humano: O mundo ficcticio para Platón será o mundo físico (sensible e emocional, mentres que o mundo real verdadeiro ten que ser un mundo obxectivo, perfecto e non suxeito aos cambios fluctuantes das emocións: O mundo das ideas.

O problema do real



Cantas veces alguén que estaba convencido de ter razón acabou recoñecendo o seu erro. As certezas poden ser enganosas. A certeza é unha experiencia individual. Ninguén impón unha certeza a outras persoa. A dúbida sobre as nosas certezas é o primeiro paso cara o coñecemento. Ese é o camiño que emprendeu René Descartes. Se queremos estar seguros, ter evidencia no noso coñecemento, deberemos desfacernos das nosas dúbidas, mesmo daquelas que sexan máis inverosímiles. A dúbida é un exercicio para conseguir acadar a verdade.
"Todo o que ata agora admitín como absolutamente certo percibino dos sentidos ou polos sentidos; descubrín, sen embargo, que estes me enganan de cando en vez e é prudente non confiar nunca naqueles que nos enganaron aínda que só fose unha vez(...) Con todo, aínda que ás veces os sentidos nos enganan no pequeno e no que está lonxe, sen embargo, hai outras moitas das que non se pode dubidar tan abertamente aínda que as recibamos por medio deles, como que estou aquí, sentado xunto ao lume, vestio cun traxe de inverno, tendo este escrito nas mans, e cousas semellantes (...) Como se eu non fose un home que acostuma durmir polas noites e a representar en soños estas mesmas cousas... Canto con máis atención penso nisto, máis claramente vexo que nunca se pode distinguir con criterios seguros a vixilia do soño". Descartes. Meditacións Metafísicas 1ª
Do mesmo xeito Neo ten que dubidar das certezas dos seus sentidos "Pensas que o que respiras agora é aire" dílle Morfeo no Constructor, tentando liberar a súa mente das ataduras das ilusións sensibles "libera a túa mente"

Non hai culler


"Mellor pensa que non hai culler" dílle o pequeno Buda a Neo na casa do Oráculo. Esa será a clave que libere a mente de Neo. Neo recorda esa conversa cando salva a Morfeo, e na segunda parte da Triloxía volve a estar presente a metáfora cando lle dan unha culler a Neo antes de que embarque na Nabucodonosor.
O neno tenta que Neo recoñeza que o material non ten existencia real en Matrix. Debemos ter en conta que Matrix é o producto dunha cultura cunha tradición relixiosa (cristiana, budista...) que entende o mundo como unha ilusión, un engano ligado á nosa existencia material, ao que se contrapón un mundo verdadeiro, independente das limitacións da materia e os sentidos, un mundo verdadeiro, real, no que a liberdade e a felicidade absolutas son posibles. A primeira parte da Triloxía tenta reflectir esa visión do mundo e, xa que logo, do real. O mundo que nos propón Neo ao final da primeira parte é un mundo sin fronteiras e sen limitacións "un mundo onde todo é posible"

O xenio maligno


En Matrix Reloaed, Neo chega finalmente xunto ao Arquitecto, cumprindo así a profecía e alí atópase cun ser orgulloso da súa creación que lle informa que a profecía nunca existiu, que só era unha forma de control que garantiza a estabilidade de Matrix. O panóptico (expresión máxima do control porque revisa todas as posibilidades) mostra entre outras a negación de Neo e ao propio Neo dicindo unha frase de Nietzsche: Deus morreu.
A hipótese do xenio maligno foi plantexada por Descartes como unha dúbida radical sobre todo o contido do coñecemento humano:
Pero ¿como saber que (Deus) non dixo que non exista a terra, nin o ceo, nin cousa extensa algunha, nin figura nin magnitude nin lugar, crendo eu saber, sen embargo, que todas esas cousas non existen doutro modo máis que como me parecen agora a min? ¿E mesmo que, do mesmo xeito que eu penso que algúns se equivocan non que cren saber perfectamente, así eu me equivoco sempre que sumo dous e tres ou numero os lados dun cadrado ou realizo calquera outra operación, se é que se pode imaxinar algo máis fácil? Pero quizais Deus non quixo que eu me equivoque deste modo, posto que el é considerado como sumamente bo... Suporei, pois, que non é un Deus bo, fonte da verdade, senón un xenio maligno moi poderoso e astuto quen pon todo o seu empeño en que me equivoque sempre" Descartes Meditacións metafísicas 1ª
Descartes sabía moi ben que, de non desfacernos desa posibilidade, nunca poderíamos acadar a verdade. Un Deus bo e perfecto convertiuse así na garantía do seu sistema filosofíco.
Ao final de Matrix reloaed a conclusión é que ese Deus bo e perfecto que garantía que o Elexido pola profecía vencería ás máquinas non existe. Neo comprendende que todo aquelo polo que loitou carecía de sentido e afronta a súa decisión desde ese descubrimento, salvando a Trinity en Matrix.
¿Existe a realidade á marxe de Matrix? é a pregunta que podemos plantexarnos despois da entrevista entre Neo e o Arquitecto. Quizais o unico que quede sexa, como ben sabe Neo,aquelo que é emocionalmente importante para nos. Neo abandona coa súa decisión a busca da verdade e o universal (o bo para todos). Tal é como fixo unha boa parte da tradición cultural de Occidente a partir do pensamento de Nietzsche:
"Temos eliminado o mundo verdadeiro: ¿que mundo quedou? ¿Acaso o aparente? ¡Non! ¡ao eliminar o mundo verdadeiro temos eliminado tamén o aparente! Nietzsche: O Crepúsculo dos Idólos

Tiven un soño


Morfeo ve caer a Nabucodonosor. A nave leva o nome dun rei babilonio do século IV a.C., que como o Morfeo grego garda relación cos soños. A frase de Morfeo "Tiven un soño que agora xa non ten sentido para min", tamén nos remite ao rei Nabucodonosor. O soño profético de Nabucodonosor é un soño profético narrado na Biblia, no capítulo II do Libro de Daniel. Este soño foi reinterpretado de diferentes formas ao longo da historia. A derradeira interpretación é a gnostica, que relaciona este soño co fin do mundo.
Poderíase afirmar que Reloaed transmite a idea do "fin da historia", concepto acuñado por Francis Fukuyama que, inspirándose en Hegel, afirma que o motor da historia tense detido ao establecerse o pensamento único, que non deixa espazo para a loita:
"A fin da historia significaría a fin das guerras e as revolucións sanguentas, os homes satisfn as súas necesidades a través da actividade económica sen ter que arriscar as súas vidas nese tipo de batallas".
Sen embargo a guerra non remata en coa destrucción da Nabucodonosor e a decisión de Neo. A tarefa do ser humano debe continuar, pero xa non a busca do sentido do real, que se revelou coma unha ilusión sen fin. Unha busca para a que nin a filosofía, nin a relixión, nin a ciencia tiveron resposta.